Club de lectura do cómic

Biblioteca Municipal do Porriño

Período Glaciar, Nicolas de Crécy

Posted by biblioporrinocomic o Setembro 17, 2007

Período Glaciar / Nicolas de Crécy.– Rasquera (Tarragona) : Ponent Mon, D.L. 2006.– 76 p. : cómic cor ; 30 cm.– D.L. B 40404-2006.– ISBN 84-96427-36-61.– Cómic europeo.– 821.133.1-91″20″
R. 16061

A comezos do século XXI as previsións sobre o cambio climático fanse realidade. A contaminación pon en marcha o quentamento global da atmosfera que trae como consecuencia o inicio dun novo período glaciar. Europa conxélase, e os poucos habitantes que sobreviven escapan ao sur onde as temperaturas son máis cálidas. Mil anos despois, isto é, a principios do terceiro milenio, a humanidade perdeu todo coñecemento sobre o seu pasado. Non saben quen éramos os habitantes do “século da preconxelación”, a nosa fisionomía, costumes, cultura. Trátase dunha humanidade en certo sentido orfa, que practicamente nos coñece a través do mito. Un excéntrico millonario organizará unha expedición ao norte, ao “continente xeado”, para buscar os restos desa civilización perdida.

Trátase dun equipo de especialistas en distintos campos (historiadores, arqueólogos…) que buscan “a aglomeración”, identificada con París, acompañados por un grupo de “cans”. As comiñas débense a que, en realidade, son estes unha mestura xenética entre cans e cochos, un animal xeneticamente modificado para facelo máis parecido ao home. De feito falan e compórtanse como humanos, e aínda poden sentirse desgraciados por unha aparencia que non resulta atractiva para as mulleres humanas. Pregúntome por que Nicolas de Crécy non optou por mesturar tamén os xenes dun chimpancé. Cunha chiscadela irónica, eses “cans” son bautizados co nome de superheroes (Hulk, Spiderman…) que a humanidade do futuro interpreta como divindades da nosa época. De feito, a personaxe central da historia é un deles, Hulk, un animal cun olfacto prodixioso que nos conducirá a través desta pequena historia.Hai moitas referencias, ironías e críticas nesta obra de Crécy. A partir da reflexión de que este mundo en que vivimos é decadente e está catapultándose cara o abismo, o autor, a través das súas personaxes fai un parangón bíblico coa época do Antigo Testamento, para amosarnos unha sociedade perdida, sen referencias, entregada ao sensualismo. As referencias á Torre de Babilonia, e as súas nefastas consecuencias, son claras, do mesmo xeito que a alusión específica ao diluvio universal: o “Período glaciar” é un novo castigo divino para unha sociedade corrupta. Interpretación relixiosa que parte inconscientemente das súas personaxes (que paradoxalmente non conservan o concepto de relixión), que andan a buscar a explicación dos sucesos acaecidos mil anos antes, porque a visión de De Crécy é, máis ben, a dunha sociedade putrefacta que cae polo seu propio peso. Unha sociedade contaminada na que a realidade é substituída pola imaxe (“ata o punto de que se fixo imposible examinar a realidade a non ser mediante imaxes. A súa realidade xa non era efectiva, e iso trouxo consigo a súa perda”).Tanto que as súas personaxes interpretarán a vida da era da preconxelación a través dunha serie de imaxes: os cadros do Louvre. Atopan o museo parisiño como por arte de maxia, nunca mellor dito, e non sendo conscientes da idea mesma de “museo”, interpretan os cadros de xeito anacrónico. Cidadáns sen historia, non son conscientes de que a historia da humanidade percorreu un longo proceso do que eles son a consecuencia final, de xeito que a antigüidade clásica é unida á vida decimonónica, por exemplo. Eles son, sen embargo, humanos, cos mesmos defectos daqueles a quen critican: “¿Como se pode vivir coa imaxe como única fonte de visión? ¡Os nosos antepasados eran zafios!”, indica unha das personaxes, sen entender que eles mesmos están usando as imaxes do Louvre como única fonte de visión dun mundo xa pasado. Penso, neste punto, que a pesar do que se soe dicir, non existe aquí unha crítica aos historiadores da arte, senón a un mundo absolutamente dominado pola imaxe, á ditadura da imaxe. Ao mundo no que nada existe se non sae na televisión, a un mundo no que as persoas valoran máis o continente que o contido. Neste sentido cobra importancia a referencia á “diáspora” das obras do Louvre; cobizadas por todos, a colección pictórica do museo parisiño anda dun lado a outro do continente nunha época, a da II Guerra Mundial, no que Europa cubríase de cadáveres. A imaxe como mito: o cadro da Gioconda bórrase de non ser observado.

O cómic é absolutamente eurocentrista. De feito, tras a conxelación, os habitantes da Terra escapan ao sur, a un sur indeterminado (África, suponse) onde se perde a memoria da humanidade. E para reencontrarse coa civilización humana anterior (occidental, suponse), os homes volven de novo ao mítico “continente xeado” é dicir, Europa. Penso que aí reside o fallo da historia: parece improbable que en 1.000 anos, por moita catástrofe que sexa, a humanidade non sería quen de perder a súa Historia, e sinxelamente o digo porque nos 5.000 anos pasados, e tendo en conta todas as limitacións tecnolóxicas que había, non o fixemos. Parece dubidoso, pois, que nos 1.000 posteriores o fixeramos, tanto como para ser tan infantís de pensar que os humanos tiveramos outra fisionomía distinta. Aínda así, Europa, o mítico continente do que nin sequera saben o nome nin a morfoloxía, non se libra da crítica, sendo “redescuberta” nunha moeda dun euro e pasando a ser bautizada como “Euro”. Nin que dicir ten que De Crécy mándalle unha estocada a esta nosa sociedade supostamente humanista da que soamente quedan as ruínas dun museo e unha triste moeda perdida nun mercado. A ditadura da imaxe e a ditadura dos cartos.

A historia cobra cara o final un matiz un tanto lisérxico, cando as obras de arte recobran unha vida nada digna, e remata nun final aínda máis surrealista.

Advertisements

2 Respostas to “Período Glaciar, Nicolas de Crécy”

  1. Ortan said

    A verdade é que eu non vira esa conexión co “fin do mundo”, quizais demasiado escatolóxica, ¿non? Terei que leelo outra vez. Moi boa a copslay. Oe, ¿tedes o Periodo Glaciar na expo? ¿Pódese sacar? Recordo que se le nun plis ¿comentamos? ¿Como vai isto?

  2. David Pérez said

    Ben: sociedade decadente, cambio climático, “Periodo glaciar”… a mín paréceme bastante escatolóxico… iso sin mencionar a versión “relixiosa” que as personaxes interpertan a partir dos cadros do Louvre (diluvio universal). A nova sociedade xurdida da conxelación é así como unha “renovación da humanidade” que, sen embargo, segue a cheirar os seus propios pasos.
    O cómic está na expo, pero, como o resto dos cómics da expo, non se poden levar en préstamo ata o día 1 de outubro. Polo de agora están expostos, presentándose. É unha obra reducida (76 p.), que se lee nunha horiña, máis ou menos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

 
%d bloggers like this: