Club de lectura do cómic

Biblioteca Municipal do Porriño

Archive for Xuño 2008

Thom, de Andrés Meixide

Posted by biblioporrinocomic o Xuño 17, 2008

ThomThom / Andrés Meixide.– [Pontevedra] : A.C.X BD Banda, 2004.– 57 p. : cómic cor ; 31 cm.– (BD Banda (A.C.X. BD Banda)).– D.L. PO 483-2004.– ISBN 84-8464-601-71. Cómic galego. 2. Cómic gallego
821.134.4-91″19″
74 Meixide, Andrés
R. 13622 e 16508

Thom é un granxeiro do Medio Oeste americano emigrado en Tui, onde padece os avatares dos campesiños galegos, comparte aventuras cos animais da finca e suspira polos rañaceos de Nova Iorque… sempre baixo o omnipresente dominio dunha anónima Carmiña, que soporta as loucuras do seu ocorrente marido e non dubida en darlle o seu merecido con cada despropósito que comete.

Os “sketch” de Andrés Meixide presentan, en apenas dez pasos, situacións surrealistas e divertidas nas que os protagonistas se someten a circunstancias extremas que os ridiculizan, pero nas que sempre trunfa o sentido do humor. Que se pode esperar do patriotismo exacerbado de Thom ou duns animais tan humanos como a vida mesma: o cocho Cholo, a galiña Maruja, a vaca Carlota e o galo Joao Afonso.

Non faltan elementos clásicos do cómic americano, como a distribución das viñetas e a abundancia de onomatopeas. No que respecta á temática das historietas, destaca a adaptación de guións cinematográficos, novas de actualidade social ou política e anuncios, actividade á que se dedica o autor na súa faceta coma publicista.

Xogar cos dobres sentidos e co mundo ao revés son algunhas das armas das que se vale Andrés Meixide para arrincar o sorriso do lector e facerlle pasar un rato agradábel. O resultado son destacados disparates como a chegada da vaca á lúa, os intentos de Thom por psicanalizar ao espantallo ou experimentar con métodos caseiros sobre a clonación animal.

Abundan os paralelismos entre a vida de Thom e a do seu creador: un artista de Vigo afincado en Tui, fronte a un americano emigrado nesa localidade, preto da fronteira con Portugal; a casa do propio ilustrador serve de modelo para o fogar que comparte o granxeiro cos seus animais; incluso unha toupeira que utiliza o xardín do debuxante como campo de manobras remata sendo unha personaxe recorrente nestas páxinas. Si a esta mestura se lle suman elementos imprescindibles do campo galego como o “chimpín” o “maquinillo” e o canastro, xa temos todos os ingredientes para coñecer o peculiar mundo de Thom.

No percorrido polas historias deste álbum descubrimos que, por moita graza coa que o autor nos presenta a vida no rural, o día a día de agricultores e gandeiros está cheo de penurias, estreiteces e altas doses de imaxinación para superar certos obstáculos. Thom procura facer fortuna á inversa, dende as Américas a España; Thom rende homenaxe á nobre vida do campo, convértese nunha icona do humor campestre e amosa que “un non é de onde nace, senón de onde pace”.

(Tomado de http://www.faktoriakdelibros.com)

Posted in Recensións | 1 Comment »